IV Torneo Internacional Xadrez Campus Ourense

Todo listo para o comezo de IV Torneo de Xadrez Campus Ourense.

Arredor de 60 inscritos e inscritas, entre eles 20 mestres, nove deles grandes mestres, seis deles mestres internacionais e o resto mestres federados. Con estas cifras de participación preséntase o IV Torneo Internacional de Xadrez Campus Ourense, que se celebrará do 1 ao 7 de xullo nas instalacións universitarias. A cita, destacan os seus promotores, continúa consolidándose no circuíto de xadrez internacional conseguindo atraer cada ano a xogadores de maior calidade. “Aínda que poida haber favoritos, este ano o primeiro posto do torneo vai estar moi disputado”, explicou Lino Hermida, director do torneo e da Asociación de Xadrez Ourensán Universitaria, durante a presentación da competición. En total entregaranse 6480 euros en premios nas diferentes categorías, ademais de diversos trofeos. 

Calidade e continuidade


O torneo dispútase polo sistema suízo Fide a nove roldas. As partidas terán lugar na Biblioteca Rosalía de Castro do campus, sendo o horario das sesións de xogo todos os días de 17.00 h en adiante, menos a segunda, a quinta e novena quenda, que comezarán ás 10.00 h. A cadencia de xogo será de 90 minutos por xogador, aos que se engaden 30 segundos por cada xogada realizada. A competición, aberta á asistencia das persoas interesadas en ver as partidas, é válida para Normas Internacionais de Xadrez, Elo Fide, Elo Feda e Normas para Mestres. O último día de entregarase un total de 26 premios, 15 na categoría xeral, tres na Interelo (menos de 2200 Elo Fide), outros tres na de Afeccionado (menos de 2000 Elo Fide); outros tres na sub 1800 (menos de 1800 Elo Fide) e unha na de veteranos (máis de 55 anos). Tamén haberá un Premio Especial Provincial para o mellor clasificado ourensán, dotado con 120 euros. O prazo de inscrición aínda está aberto para as persoas interesadas. 

- Rosa Tedín -

 

Para inscribirse:Preme aquí.

Bases torneo: Preme aquí.