Termos, condicións de uso e política de privacidade

05/02/2015

Introdución

 

Estas Condicións de Uso establecen os parámetros baixo os cales a Universidade de Vigo ofrece acceso aos servizos, aplicacións e ferramentas (denominados conxuntamente como “Servizos”) que aparecen nos sitios web www.deportes.uvigo.es e www.deporxest.uvigo.es.

 

Quen somos?

 

A Universidade de Vigo é unha institución de carácter público con domicilio social no Campus Lagoas – Marcosende s/n 36310. Vigo (Pontevedra - España) que, a través do seu Servizo de Deportes, ten por obxecto a promoción da práctica deportiva entre as persoas pertencentes á súa comunidade universitaria.


Na procura deste obxectivo, a Universidade de Vigo organiza e xestiona as inscricións en diferentes actividades deportivas que se desenvolven tanto en instalacións propias como nas de entidades colaboradoras.

 

Prezo

 

Os prezos expostos neste sitio web preséntanse en euros (€) e exentos de IVE.

 

Segundo o artigo 20, apartado un, número 13º da Lei 37/1992, de 28 de decembro, do Imposto sobre o Valor Engadido, os servizos deportivos prestados a persoas físicas atoparanse exentos de IVE, sempre que os ditos servizos sexan prestados por entidades de dereito público como é o caso da Universidade de Vigo.

 

Esta exención non é extensible aos espectáculos deportivos nin aos servizos prestados a entidades xurídicas. Polo tanto, os prezos incrementaranse no IVE correspondente nestes casos.

 

Segundo o artigo 20, apartado un, número 3º da mesma lei, tamén se atoparán exentos de IVE os servizos médicos ou de fisioterapia prestados a persoas físicas calquera que sexa a entidade prestadora destes servizos.

 

O prezo a pagar pola persoa usuaria será o que estea en vigor na data na cal a persoa fixera a inscrición ou a compra do servizo. A Universidade de Vigo resérvase o dereito de modificar os prezos en calquera momento, seguindo os seus procedementos establecidos, e sen outro requisito a maiores que o de indicar as ditas modificacións neste sitio web. Non obstante, estas modificacións non incidirán nas inscricións realizadas antes da entrada en vigor das ditas modificacións.

 

Modalidades de pagamento

 

A Universidade de Vigo ofrece as seguintes opcións de pagamento:

 

- Tarxeta de débito/crédito: VISA e Master Card.

- Pago en efectivo presentando as follas de pagamento correspondentes nas oficinas bancarias das entidades colaboradoras (ABANCA, Caixabank e Banco Santander).

 

A Universidade de Vigo non utiliza a información das tarxetas de crédito ou débito dos seus clientes para ningún fin. Estes números nunca estarán en poder da Universidade de Vigo e serán introducidos polo propio cliente nunha pasarela de pago (web) do Banco Santander.

 

Políticas de cancelación

 

A Universidade de Vigo devolverá os prezos públicos correspondentes ás actividades e servizos deportivos, previa solicitude da persoa interesada, cando concorra algunha das seguintes causas:

 

- Cancelación da actividade ou modificación das datas de celebración, horario ou lugar.

- Formalización da matrícula unha vez completado o número de prazas do curso.

- Comezo dunha relación laboral (necesario achegar contrato de traballo ou alta na Seguridade Social)

- Maternidade ou enfermidade (necesario achegar xustificante médico)

- Por aboar unha cantidade superior ao prezo do curso como consecuencia de erros materiais ou de cálculo.

 

Estas devolucións deberán ser solicitadas nun prazo de 15 días dende a data do comezo da actividade e farase exclusivamente a través do propio sitio web www.deporxest.uvigo.es (Menu A Miña Conta / Histórico / Cotas). No caso de corresponder a devolución, esta realizarase por transferencia bancaria á conta indicada pola persoa usuaria na súa solicitude.

 

Idade mínima

 

A idade mínima para rexistrase neste sitio web é de 14 anos. As persoas menores desta idade deberán ser rexistradas dende a conta de usuario/a do seu titor/a legal.

 

Seguridade

 

O proceso de pagamento realízase sobre un servidor seguro utilizando o protocolo SSL (Secure Socket Layer). Este servidor establece unha conexión de modo que a información transmítese cifrada mediante algoritmos de 128 bits, que aseguran que soamente sexa intelixible para o ordenador da persoa usuaria e do sitio web www.deporxest.uvigo.es. Deste xeito garántese:

 

- Que a persoa usuaria está comunicando os seus datos ao centro servidor do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo e non a calquera outro que intentara facerse pasar por este.

- Que entre a persoa usuaria e o centro servidor os datos se transmiten cifrados, evitando a súa posible lectura ou manipulación por terceiros.

 

Aceptación dos termos e condicións de uso

 

Para poder utilizar os nosos servizos, a persoa usuaria deberá aceptar previamente os Termos, Condicións de Uso e Política de Privacidade do Servizo de Deportes. Esta aceptación incluirá ademais o cumprimento das normativas aprobadas pola Universidade de Vigo que regulan o uso e funcionamento dos seus servizos deportivos universitarios.

 

Cambios nos termos e condicións de uso

 

A Universidade de Vigo resérvase o dereito a realizar modificacións nos Termos e Condicións en calquera momento. Por tal motivo, vostede deberá revisar os Termos e Condicións regularmente para comprobar as ditas modificacións. A versión modificada dos Termos e Condicións serán publicados en www.deporxest.uvigo.es.

 

Política de privacidade

 

As persoas usuarias comprométense a navegar pola páxina web e a utilizar o seu contido de boa fe.

 

En cumprimento do establecido na Ley Orgánica 15/1999, de Protección de Datos de Carácter Personal, informámoslle de que a cumprimentación de calquera formulario existente no sitio web www.deporxest.uvigo.es  ou a remisión dun correo electrónico a calquera das nosas direccións implica a aceptación desta política de privacidade, así como a autorización ao Servizo de Deportes da Universidade de Vigo para que trate os datos persoais que nos facilite coa finalidade de establecer a relación contractual administrativa necesaria para proporcionarlle os servizos deportivos solicitados, e incorporalos ao ficheiro, titularidade da Universidade de Vigo, inscrito no Registro General de la Agencia Española de Protección de Datos.

 

A Universidade de Vigo comprométese a gardar a máxima reserva e confidencialidade sobre a información que lle sexa facilitada e a utilizala unicamente para as fins indicadas.

 

A Universidade de Vigo presume que os datos foron introducidos polo titular ou pola persoa autorizada por este, así como que son correctos e exactos. Correspóndelle ás persoas usuarias a actualización dos seus propios datos.

 

En calquera momento, a persoa usuaria terá o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición aos seus datos persoais incluídos nos distintos formularios de alta. Para modificar ou actualizar os seus datos persoais (agás nome, apelidos e DNI) poderá acceder a www.deporxest.uvigo.es, ao apartado "Miña Conta / Datos usuario" e modificalos ela mesma. Para exercer o resto de dereitos ARCO deberá escribir a lopd.extensionuniversitaria@uvigo.es, identificándose debidamente e indicando de forma visible o dereito que desexa exercer.

 

Conforme a lexislación vixente en materia de protección de datos, a Universidade de Vigo adoptou os niveis de seguridade adecuados aos datos facilitados polas persoas usuarias e instalou, ademais, todos os medios e medidas ao seu alcance para evitar a perda, mal uso, alteración, acceso non autorizado ou extracción dos ditos datos.